Ameazaba choiva. Fora un día tristeiro, gris e mediocre, do que nin sequera podo lembrar algo interesante. A noite achegábase e o ceo agardaba quedo e impasible, cal estatua de pedra. Descansaba sobre nubes escuras e imigrantes, que pretendían ficar en Sydney malia a forza do vento. Coa mochila xa ó lombo saín da casa. Montei na bicicleta e dirixinme ó supermercado.
O gris do ceo conxuraba co gris da rutina para facer aborrecer aquel momento. Xa podía verme subindo a costa de volta a casa coa mochila cargada. Xa me vía sudando despois de ter dado aquela ducha refrescante, xa me vía ordeando as compras, e sobre todo xa me sentía odiando a repetición do tedio do cotiá.
Baixei pola beiravía de Victoria Park gozando do aire fresco na miña faciana. Sorteei peóns. Deixeime ir. Agradecínlle ós santos aqueles que, disque, axudan costa abaixo. De súpeto atisbei algo estraño. Un mate (amigo, colega) estaba tirado na herba nunha posición un tanto enrevesada. As pernas colgábanlle dun muro cativo duns 50 centrímetros que estrema o parque coa beiravía. Reducín ata parar. Non había ninguén por alí. Achegueime
- Oe! Escoitasme? Estás ben? – berreille
Non me respondía. Estaba sucio, porco ou incluso diría que daba noxo. Vestía roupa de traballo. Levaba unha camiseta laranxa reflectante cuns pantalóns vaqueiros que semellaba que se non lavaran dende a época do gold rush (febre do ouro). Intenteino de novo, subín o ton de voz. Berrei de verdade. Dúas persoas que pasaban por alí miraron para min. Díxenlles que non o rapaz non respondía e elas, despois do “pit-stop”, seguiron a marcha despreocupadas. O mate respiraba pero estaba totalmente inconsciente. Por terceira vez probei a chamar por el, sacudino e dixen mate cantas veces puiden.
“Que fago logo? Terei que chamar unha ambulancia…ou que?”, trataba de verlle unha solución. Máis xente pasou. Algúns nin tan sequera se molestaron en mirar. Quen lle pasaba a aquel rapaz? Non sei se precisaba unha ambulancia pero, que facer se non? Todo indicaba unha forte borracheira ou similar, véxase drogas. ¿Ata que que punto de grave? Decidín chamar unha ambulancia.
Dende o outro lado do fío telefónico comezou o interrogatorio. Respira? Está consciente? E logo, idade, raza, complexión física, altura, relación personal con el, tempo que levaba con el, etc. Todo para chegar a unha simple pregunta.
- Cres que precisa dunha ambulancia?
Non quería ser alarmista, non quería chamar unha ambulancia sen necesidade, pero tampouco quería deixar tirado aquel rapaz. Podería ser que realmente precisase de axuda médica. Se polo menos vise como espertaba e movía os ollos sabería algo. Respondín “non sei” á pregunta. A operadora de urxencias repetiu a cuestión con contundencia. Eu seguía sen saber que dicir. Á terceira vez, a operadora resolveu.
- Mando agora para aí unha patrulla de policía – dixo con firmeza – xa verán eles que facer.
Non entendín moi ben que faría unha patrulla de policía nesta situación. Agardei alí. Uniuseme na espera outro rapaz. Vimos como o mate tendido no chan se movía por primeira vez. Expirei dos meus pulmóns tranquilidade por el e anguria por min. Tiña que ter chamado ás emerxencias?
Nin cinco minutos despois da chamada sentín as sirenas. Vin vir tres coches de policía a toda velociade abríndose paso na concurrida City Road. Un non levaba posta a sirena. Crin que simplemente este sería o que parase. Detivéronse os tres coches e os policías saltaron dos vehículos a fume de carozo. Eran sete policías en total que semellaban posuídos pola adrenalina da actuación. Non podía dar creto ó que vía e sentinme mal, quizais sacara as cousas un pouco de quicio. Pero logo tamén, por que sete policías? Creo que só é un tipiño borracho…
Axiña se organizaron. Case non miraron para min. Un tomou o mando. Entre tres moveron o mate mentres el abría os ollos e continuaba o seu pesadelo. Comecei a pensar que non estaba tan mal como parecía. Unha policía preguntoume que pasara. Conteillo e pedinlle perdón por telos chamado, igual non era necesario. Deseguido puxo unha man sobre o meu ombreiro.
- Fixéche-lo que había que facer, it’s alright.
Repetiuno de novo mais eu comezaba a ver o negativo da miña suposta axuda. Escoitei como o policía interrogaba ó rapaz, preguntaba se tomara drogas ou alcol. El seguía noutro planeta. Pensei nos problemas nos que podía acabar de metelo. A saber que acontecía na súa vida, o que o levara ata aquela lastimeira situación ou quen era eu para meterme na súa vida. Por outra banda temía unha mala reacción, tiña medo de se-la vítima dos seus problemas. Non me percataba de que el non tiña nin a menor idea de quen avisara da urxencia, e coido que nin sequera sabía o que estaba a suceder. Na miña cachola o anxiño e o demo batíanse para dirimir o branco ou negro, o correcto e o incorrecto, que nunca existen nunha decisión. A utópica verdade absoluta escapa sempre da razón, por iso neste caso buscaba acubillo nos sentimentos. Fixera ben ou fixera mal?
O rapaz tentou poñerse de pé e volverono sentar. Outro policía achegouse ata min para toma-los meus datos. De súpeto dous tronos puxeron música á escea. Comezou a chover forte. A auga espertou os recursos agresivos do mate. Dun brinco púxose en pé e tentou fuxir. O policía que estaba comigo deuse a volta como unha centella e botouse enriba del. Con el, os outros que o arrodeaban. Conseguiron, non sen dificultade, botalo ó chan e poñelo boca abaixo. Un deles deulle uns puñetazos na zona do fígado que se transformaron en calafríos correndo polo meu corpo. Treméronme as pernas. Conseguiron reducilo. Esposarono. Calmou.
O policía acabou de tomar os meus datos e díxome que podía ir. Collín a bicicleta outra vez e chamei polos santos. Coa súa axuda deixeime ir de novo pola rúa abaixo, empapado, camiño do tedio cotiá.
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
ResponderEliminarTres patrullas e sete policías, qué guapo! como nas pelis yankees...
ResponderEliminarDe seguro que obraches ben; coido que tería feito o mesmo. Cres que o tipo podería tomar represalias? Ó mellor só quere saber onde vives para darche as gracias...
Creo firmemente que fixeches ben. Marchar de alí sen saber que sería del, e o día seguinte ler un titular no xornal local, non debe de sentar nada ben. Sobre todo sabendo que puideches facer máis. Por iso que a 'toro pasado' todo é moito máis doado, pero nese preciso intre coido que fixeches ben. Como dixo o poli, it's alright. Well done Trillo.
ResponderEliminarkises from Stgo.
fixeches o que fai un bo tipo !!
ResponderEliminara mala vida meu !!!
Bueno... eu non vou darche a razón coma o resto da xente. Direi na túa defensa simplemente que fixeches o que eu faría tamén no teu caso, pero non quere dicir que actuaras correctamente. A única forma de saber se actuaches correctamente ou non sería preguntándolle a el. Non creo que lle fixera moita gracia que chamaras á policía acabando como acabou a historia.
ResponderEliminarComo ti dixeches... "Pensei nos problemas nos que podía acabar de metelo. A saber que acontecía na súa vida, o que o levara ata aquela lastimeira situación ou quen era eu para meterme na súa vida."
De todas formas, a túa intención era boa, polo que non deberías de preocuparte máis. Se non o fixeras estarías peor seguro.
Por certo... moi boa entrada!
Alors, tu te tracasses toujours?
ResponderEliminar