martes, 2 de febrero de 2010

Coluzzi Bunch

5.25am. bi-bi-bi-bi-bi-bi…Miña nai querida…por non decir outra cousa que soaría máis fea. Xa soou o espertador e non hai repetición que valla. Maldigo aquel momento no que me tiven que cruzar aquela persoa que me falou disto. Retórzome de dor coma se un camión acabara de pasar por riba de min. Se nin sequera espertouo sol! Tan só asoma con timidez polo tragaluz e nin sequera pretende molestarme. “Que fas tío? Queda na cama, non sexas pringao!”. Pero érgome, a grupeta de ciclistas Coluzzi Bunch sae ás 6.20, e a ilusión de rodar no bunch dáme folgos. Unha vez superado o trauma inicial todo mellora. Entereime o sábado anterior de que hai esta grupeta que é moi boa para saír a adestrar en bici con eles.

Saír en bici en Sydney é un pouco complicado. Hai moito tráfico, moitos semáforos e ó vivir no centro faise case imposible saír en solitario cara zonas menos transitadas. A verdade é que dá un pouco de respeto, sobre todo cando aquí un se sente un pouco máis indefenso levando uns ferros no brazo. Até o de agora, e por precaución sobre todo, tan só estivera rodando polo Centennial Park, que é grande, con voltas de ata 7km con algún repeito. Aparte diso tan só fixera algunha pequena incursión ata as praias da City, todas a 3-4 km de Centennial. Non é moi divertido. Aínda o é menos cando un está habituado a andar en bici polas estradas-tobogán que temos en Galicia.

Tiña que aproveitar esta oportunidade e vence-las ataduras convencionais de horarios. Polo menos probalo. Xa co sol traballando e a cidade abrindo os ollos vou ata o Café Coluzzi, punto de encontro, a uns cinco quilómetros da miña casa. Está situado xusto de par de King Cross, “The Cross”, a zona de marcha, prostitución e demais negocios circundantes. No camiño, achegándose a este suburb, o panorama torna pintoresco. Como diría a canción francesa os Couche-tard (deitan-tarde) atópanse cos Lève-tôt (erguen-cedo). A xente correndo ou algún xa traballando, obvian os mendigos que desexan seguir soñando. As raiolas de sol que derreten os seus soños firen os ollos de búho dalgún que outro travelo/drag queen. Dan os seus últimos berros e ramalazos posuídos por quen sabe qué substancias. Eu formo parte do seu xogo pero miro á fronte e non participo. As profesionais do sexo semella que tamén rematan a súa fatigosa xornada laboral.

Deixo The Cross. Viro a dereita cara a rúa do Café Coluzzi. É verdade, a xente sae en bici ás 6.20 da mañá! Non menos de 40 persoas arremuíñanse nas mesas da terraza do Coluzzi para tomar un café. As bicis toman posesión do lugar. Vaia nivel de máquinas! Ciclistas, triatletas, algún profesional, moitos aficionados, rapaces, homes, veteranos e algunha muller pintan a terraza do bar de cor ciclista. Puntuais, érguense da mesa e a rodar.

Enseguida se forma un carreiro de formigas en fila de a dous. Collemos uns semáforos en vermello para saír da cidade ata o periférico e incorporación á autovía. O ritmo non baixa de 40km/h e os latidos do meu corazón deixanse sentir ben. Paramos nun semáforo e miro para atrás. “Deberei ter 30 diante, poucos virán detrás”, penso. Outros tantos polo menos! Simplemente alucino coa bunch ou “manchea” ou “feixe” traducido literalmente na nosa lingua. O ritmo sostido non deixa lugar a hostilidades. Polo km35 acelérase a marcheta ó tempo que as formigas comezan a desmandarse para pasar ó ataque e aproveitar o terreo sinuoso. Son tres quilómetros de tormenta ata un pequeno sprint nos que que intento facer o que boamente podo e volta a calma. Noto que aínda estou lonxe de estar en forma. Afortunadamente, estes últimos días xa non chove como chovía.

Voltamos máis relaxados cara Sydney entre paradas en semáforos e cruces. Tras unha zona de pontes e carreiros pequenos volvemos colle-la autovía. O ritmo quenta as pernas. Ó pouco de entrar nela pasamos por un túnel que vai por debaixo da pista de aterraxe do aeroporto a 55-60 km/h…cómo disfruto!! Os últimos dez quilómetros cos rañaceos da cidade ó fondo pasan sen darme conta.

Así é cada martes, xoves e sábado ás 6.20 no Café Coluzzi para quen queira. Os días da semana faise arredor de 60km co grupo (algo máis en total) sempre polo mesmo percorrido. O sábado, nunha ruta diferente, vaise a ritmo allegro tirando a vivo, con algunha pasaxe de presto, ata o km45. Logo divídese o paquete para interpretar distintas sinfonías. Uns tocarán un adagio grave de 110 quilómetros no total, con subidas duras no Nacional Park (un lugar que se presta para andar en bici). Os outros interpretarán unha melodía máis aguda. Darán a volta para facer 30 quilómetros prestissimo, ou mellor dito no argot ciclista (e dos chourizos) “a puro fuego”, todo polo plano e sen esperar por ninguén (o sábado pasado pinchei, e alí quedei só), para completar logo ata 90 quilómetros en total.

Ó final, aquel día chegamos a Sydney con 37km/h de media, o que, para quen non entenda disto, é unha media máis ca decente para ser un adestramento. Porén, un colega da grupeta dime que non foramos moi rápido. Nos meus días seguintes coa Coluzzi Bunch xa entendería por que. Entro pola porta da casa e non son nin as 8.30 da mañá. Queda todo o día por diante. Como di meu pai, traballo feito non corre présa.

3 comentarios:

  1. Moi boa entrada! Alédome de que por fin te volvas a sentir ciclista! "Duro con ellos!"

    ResponderEliminar
  2. Impresionante!
    "Puro fuego" de desfrutar debe ser eso. Así se prepara un Half, si señor. Asi podemos empezar a falar de 4h15´.
    Ánimo!

    PD: o que non contas e o que axuda nesa media de km/h o teu pelado de cabeleira. Co pelo curto voas!

    ResponderEliminar
  3. Antón Antón! Sabemos que sempre lle desexas o mellor a Berto, pero esta vez no fondo non queres que lle saia tan ben o half verdade?(quero dicir... queres que lle saia ben pero que quede por detrás de certa persoa porque se non..."APUESTA AL CANTO!").

    VAMOS BERTO!! Quero ver esa escena de Antón! jaja.

    Unha aperta para os 2!

    ResponderEliminar