domingo, 14 de febrero de 2010

Sydney Fishmarket


Despois de face-lo medio Ironman tocaba recuperar. Coidei que era a mellor ocasión para visitar o famoso Fishmarket de Sydney e darse un caprichiño.



Cheguei ben cedo, como amosan estes dous rapaces que aínda seguían a durmir ou durmila. A verdade, pensei que o Fishmarket sería máis grande, pero non tan bo. Aínda que eu sexa máis labrego ca mariñeiro, creo que non fai falla entender demasiado para cheira-la frescura do xénero que alí venden. Para o que lle guste o peixe ou para o que sexa de bo dente coma min é un lugar espectacular. Tanto para mercar como para degustar. Se un quere pode ir facer alí un bo almorzo a base de calquera peixe que se lle ocorra. Senón ir para o lunch tampouco é mala opción.


Os prezos son máis ca razoables dentro da carestía de Sydney. A variedade, dentro da miña ignorancia, é infinita. O único que botei en falta foi ver algunha quenlla. Levaba idea de ver unha. Para contrarrestar isto tiñan marisco de todo tipo.




A presenza e poderío chino no mercado faise notar.


Foi unha mágoa que non chegara a tempo á poxa que se fai nesta sala. Xa estaba todo o pescado vendido, nunca mellor dito. A parte interior do mercado dá ó porto. Chama a atención o ambiente mariñeiro que se cola no medio da cidade. Gaivotas e pelícanos recollen os restos.



Ó marchar recollín o capricho: un swordfish, un peixe espada. Este é un dos meus favoritos, e xa nin me lembraba de cando fora a última vez que o catara. Para completar a miña felicidade acompañeime para o camiño dun iogur dos de verdade, potenciado con amorodos e moras. Penso que non será a derradeira vez que vaia. Polo de agora xa me recomendaron un tal Red Snapper, que haberá que probar. Pena que non teña forno para cociñar.

Pola noite foi a entrega de caprichos. Este foi o modelo do capricho de ouro compartido con algúns amigos. Comer é vivir.











1 comentario:

  1. Bueno... dixeches dúas verdades coma puños na entrada:

    -"[...] Aínda que eu sexa máis labrego ca mariñeiro [...]"
    -"[...]ou para o que sexa de bo dente coma min...[...]"

    Oíches? Pero que carallo son esas nécoras azuis? Iso non é marisco nin nada... borralla!

    PD: Así que cando chegaches xa estaba todo vendido non?...
    PD2: Con quen foches ó mercado? E con quen compartiches a cea?

    ResponderEliminar