martes, 9 de febrero de 2010

Medio Ironman Geelong

O que vén a continuación é un relato dun deporte novo. Algo que descoñecía. Eu crin que ía facer triatlón ou tríatlon pero resulta que fixen triathlon. Ás veces, as traducións dunha lingua a outra comportan un cambio de significado no concepto, que deriva moitas veces nos coñecidos “false friend”. Semella que algo similar sucedeu co termo “triathlon”, nado na fala inglesa, cando alguén o traduciu ás nosas linguas. Non sei quen foi o que quitou o “h” e puxo o acento (que tentaron quitar sen éxito do galego, para poñer outro en “tríatlon”), pero coido que se equivocaron. En francés por exemplo gardarono e xa puiden ver a diferenza cando estiven alí.

Agora vexámo-las diferenzas en Geelong: era de noite ó chegar a boxes, xa tiña a bicicleta posta e preparada do día anterior alí, tiven que achegarme con David en taxi, había máis de 1000 cabras (bicis de contrarreloxo) na zona de transición, que era sobre herba, a carreira comezaba ás 7 da mañá, o neopreno estaba permitido cando a auga estaba xa a 22º, etc. Nunca practicara tal deporte.

A natación tamén foi bastante novidosa. En primeiro lugar o nivel medio foi moi baixo. Neste deporte o nadar pouco conta. Non tiven problema para desembarazarme do gran grupo. Nin un só golpe agás contra as medusas que se apuntaron ó segmento da auga. Vaia bichos! Da primeira á segunda boia, e última antes de dirixirse de volta á praia, apareceu o sol de súpeto en fronte de nós. Non vía nada. A oleaxe tampouco axudaba a situarse e a segunda boia parecía estar nun limbo triatlético. Nadaba sen moito sentido nin rumbo, parei un par de veces e mesmo quitei as gafas pero non averigüei nada. Os tres que viñan comigo daban a impresión de sufri-la mesma cegueira. Ó final, non había outra e conseguimos chegar á boia e voltar a terra.

Despois de 23min e 45 seg de natación tocaba face-la transición a outros ritmos e agobios moito menores dos habituais. Á saída de boxes agardaban tres voltas de 30km (aprox.) sobre a bicicleta. O percorrido era moi plano en liñas xerais. Saín tranquilo e fun buscando sensacións sobre acoples e pedais a medida que cabras sobre cabras íanme adiantando. É incrible como anda a xente aquí en bici. Nótase que é triathlon con “h”. Comía, bebía e controlaba o pulso. Pouco a pouco a cousa foi mellorando e o meu ritmo mallado de 47 minutos por volta en cada unha das tres foi dando o seu froito. Fun remontando posicións ata ver que eu tamén era unha desas cabras. Nos últimos 10km formouse algo así como un grupo que complicou o respeto ás normas do drafting, era imposible gardar os sete metros regulamentarios. As pernas ían pedindo tregua nestes últimos compases da bici. “Machiño, aínda che queda unha media maratón, así que tómao con calma”, pensaba.

Baixei a corer con boas sensacións relativas, despois de facer 2h21min sobre a bici (media de 39km/h). Eran tres voltas de sete quilómetros. Na primeira fun pasando xente e cría que aínda tiña gas para acelerar. Non ía nada mal, a un ritmo de 3’52”/km aprox, pero ó chegar ó km9, cando ía correndo para facer 1h22min, o motor comezou a petardear. A fraqueza coincidiu cunha subida. Tomei un xel máis bebín un pouco no avituallamento. Malvivín coas pernas doentes ata o km13 aproximadamente e logo comecei a sentirme un pouco mellor. A pena foi que isto non se vira reflectido no ritmo, que ía diminuíndo. O pulso tamén baixaba, signo inequívoco do desgaste metabólico (que diría Diego). Só pensaba xa en rematar namentres os quilómetros se alongaban coma chicles.

Ó final 1h29min para completa-la media maratón. En meta, 4h17min de auténtica satisfacción persoal. 53º na xeral e 7º do meu grupo. Souben sufrir ó final e o resultado en relación ó adestramento que levo feito é moi bo. Gustaríame ter dado conta do ritmo a pé, pero non se pode pedir moito máis despois dun mes de adestramento, logo de tres semanas de vacacións. Non se pode ter todo.

Ademais quedei moi contento por David. Debutou ó grande. Fixo 5h13min, regulando moi ben durante toda a carreira e sen chegar baleiro á meta. Isto é algo moi difícil para alguén que debuta. Foi conservador e intelixente. Seguiu ó pé da letra os consellos que lle puiden ofrecer. Rematou cómodo e disfrutou a tope a proba que era o obxectivo principal. Bravo David!


viernes, 5 de febrero de 2010

The Group online magazine


O texto sobre Auschwitz, en inglés, que publicara a comezos deste blog, foi publicado en The Group online magazine. Esta revista na rede está editada en cada edición por unha persoa distinta que forma parte do grupo. Desta volta a edición correspondíalle o meu profesor de Narrative Journalism. Mark ofreceume colaborar con Grey na súa edición, que ten como tema as viaxes.

http://groupmag.blogspot.com/

Se queredes podédeslle botar un ollo a editorial que fai Mark Mordue, o meu profesor, nesta páxina principal.

Como el me dicía, basicamente trátase de links e é unha plataforma para coñecer distintas páxinas de xente que escribe. No meu caso pouco pode haber que interese para o mundo anglófono máis alá dun par de textos. De todos xeitos senta ben que se acorden do traballo de un.

http://groupmag.blogspot.com/2010/02/grey-story-by-alberto-trillo-barca-grey.html

Este é o link para o meu texto.

Noutra orde de cousas mañá marcho con David para Geelong. O domingo voltarei a senti-lo tríatlon de verdade.

martes, 2 de febrero de 2010

Coluzzi Bunch

5.25am. bi-bi-bi-bi-bi-bi…Miña nai querida…por non decir outra cousa que soaría máis fea. Xa soou o espertador e non hai repetición que valla. Maldigo aquel momento no que me tiven que cruzar aquela persoa que me falou disto. Retórzome de dor coma se un camión acabara de pasar por riba de min. Se nin sequera espertouo sol! Tan só asoma con timidez polo tragaluz e nin sequera pretende molestarme. “Que fas tío? Queda na cama, non sexas pringao!”. Pero érgome, a grupeta de ciclistas Coluzzi Bunch sae ás 6.20, e a ilusión de rodar no bunch dáme folgos. Unha vez superado o trauma inicial todo mellora. Entereime o sábado anterior de que hai esta grupeta que é moi boa para saír a adestrar en bici con eles.

Saír en bici en Sydney é un pouco complicado. Hai moito tráfico, moitos semáforos e ó vivir no centro faise case imposible saír en solitario cara zonas menos transitadas. A verdade é que dá un pouco de respeto, sobre todo cando aquí un se sente un pouco máis indefenso levando uns ferros no brazo. Até o de agora, e por precaución sobre todo, tan só estivera rodando polo Centennial Park, que é grande, con voltas de ata 7km con algún repeito. Aparte diso tan só fixera algunha pequena incursión ata as praias da City, todas a 3-4 km de Centennial. Non é moi divertido. Aínda o é menos cando un está habituado a andar en bici polas estradas-tobogán que temos en Galicia.

Tiña que aproveitar esta oportunidade e vence-las ataduras convencionais de horarios. Polo menos probalo. Xa co sol traballando e a cidade abrindo os ollos vou ata o Café Coluzzi, punto de encontro, a uns cinco quilómetros da miña casa. Está situado xusto de par de King Cross, “The Cross”, a zona de marcha, prostitución e demais negocios circundantes. No camiño, achegándose a este suburb, o panorama torna pintoresco. Como diría a canción francesa os Couche-tard (deitan-tarde) atópanse cos Lève-tôt (erguen-cedo). A xente correndo ou algún xa traballando, obvian os mendigos que desexan seguir soñando. As raiolas de sol que derreten os seus soños firen os ollos de búho dalgún que outro travelo/drag queen. Dan os seus últimos berros e ramalazos posuídos por quen sabe qué substancias. Eu formo parte do seu xogo pero miro á fronte e non participo. As profesionais do sexo semella que tamén rematan a súa fatigosa xornada laboral.

Deixo The Cross. Viro a dereita cara a rúa do Café Coluzzi. É verdade, a xente sae en bici ás 6.20 da mañá! Non menos de 40 persoas arremuíñanse nas mesas da terraza do Coluzzi para tomar un café. As bicis toman posesión do lugar. Vaia nivel de máquinas! Ciclistas, triatletas, algún profesional, moitos aficionados, rapaces, homes, veteranos e algunha muller pintan a terraza do bar de cor ciclista. Puntuais, érguense da mesa e a rodar.

Enseguida se forma un carreiro de formigas en fila de a dous. Collemos uns semáforos en vermello para saír da cidade ata o periférico e incorporación á autovía. O ritmo non baixa de 40km/h e os latidos do meu corazón deixanse sentir ben. Paramos nun semáforo e miro para atrás. “Deberei ter 30 diante, poucos virán detrás”, penso. Outros tantos polo menos! Simplemente alucino coa bunch ou “manchea” ou “feixe” traducido literalmente na nosa lingua. O ritmo sostido non deixa lugar a hostilidades. Polo km35 acelérase a marcheta ó tempo que as formigas comezan a desmandarse para pasar ó ataque e aproveitar o terreo sinuoso. Son tres quilómetros de tormenta ata un pequeno sprint nos que que intento facer o que boamente podo e volta a calma. Noto que aínda estou lonxe de estar en forma. Afortunadamente, estes últimos días xa non chove como chovía.

Voltamos máis relaxados cara Sydney entre paradas en semáforos e cruces. Tras unha zona de pontes e carreiros pequenos volvemos colle-la autovía. O ritmo quenta as pernas. Ó pouco de entrar nela pasamos por un túnel que vai por debaixo da pista de aterraxe do aeroporto a 55-60 km/h…cómo disfruto!! Os últimos dez quilómetros cos rañaceos da cidade ó fondo pasan sen darme conta.

Así é cada martes, xoves e sábado ás 6.20 no Café Coluzzi para quen queira. Os días da semana faise arredor de 60km co grupo (algo máis en total) sempre polo mesmo percorrido. O sábado, nunha ruta diferente, vaise a ritmo allegro tirando a vivo, con algunha pasaxe de presto, ata o km45. Logo divídese o paquete para interpretar distintas sinfonías. Uns tocarán un adagio grave de 110 quilómetros no total, con subidas duras no Nacional Park (un lugar que se presta para andar en bici). Os outros interpretarán unha melodía máis aguda. Darán a volta para facer 30 quilómetros prestissimo, ou mellor dito no argot ciclista (e dos chourizos) “a puro fuego”, todo polo plano e sen esperar por ninguén (o sábado pasado pinchei, e alí quedei só), para completar logo ata 90 quilómetros en total.

Ó final, aquel día chegamos a Sydney con 37km/h de media, o que, para quen non entenda disto, é unha media máis ca decente para ser un adestramento. Porén, un colega da grupeta dime que non foramos moi rápido. Nos meus días seguintes coa Coluzzi Bunch xa entendería por que. Entro pola porta da casa e non son nin as 8.30 da mañá. Queda todo o día por diante. Como di meu pai, traballo feito non corre présa.

domingo, 31 de enero de 2010

OZ day



Bandeiras e máis bandeiras. Menos mal que falan de cambiala. O azul e o vermello xunto coa estrela do Sur mestúranse tamén co verde e amarelo típico da indumentaria deportiva australiana. En camisetas, calzoncillos, gorros, pasteis, bolsas, pendientes, tatuaxes, balóns, saias, chanclas…é Australia Day. O pasado martes 26 de Janeiro Australia festexou o seu día e non a súa noite. Pola contra do que acontecería nos nosos lares, a maior parte da festa levouse a cabo durante o día e non durante a noite anterior. Será o bo tempo, imaxino. Xente nova e non tanto celebrou o seu día do Apóstolo Down Under en cada recuncho habitado do continente .

Sydney non ía ser menos, cada quen tivo algo á súa medida. Carreira de ferris na baía, festival para nenos en Hyde Park, ritos aborixes en plan turístico nos Botanic Garden, buses "vintage" para percorre-lo centro, concertos durante todo o día en The Rocks…e foi todo o que me deu tempo a facer. A cidade respirou un gran ambiente e unha certa sobredose de ledicia enriquecida polos líquidos da desinhibición.




Neste día de brillo e bandeiras houbo tamén a quen lle tocou ser reivindicativo.

Victoria Park acoulleu unha feira aborixe na que había diferentes stands para saúde, consello legal, publicacións, e todo aquilo que tivera que ver coa comunidade indíxena. Os auténticos australianos seguen reclamando o lugar que lle corresponde nesta terra. Eu aproveitei para mercar un libro “A agonía aborixe e a esquerda” nun dos stands e seguirme informando sobre este tema que, coido, é tan difícil de abordar coma un arame de espiñas. Un día tratarei de explicar aquí a complexidade do asunto da forma máis sinxela posible. Por outra banda tamén houbo quen chamou pola ansiada república entre outras vindicacións.

Ó final do día, despois de tanta festa, a multitude apiñouse para ver os fogos artificiais que iluminarían a chegada da noite. Cores, formas e estalidos ó máis puro Apóstolo santiagués deronlle peche ó Australia Day en Darling Harbour. A alta humidade durante a xornada alimentou uns cheiros particulares que se potenciaban entre a calor humana. A suor batía duns noutros. Os corpos pedían descanso. Eu preferín deslizarme entre os fluídos de uns e outros para evita-la funil da saída. Mañá toca rutina.



sábado, 9 de enero de 2010

A viaxe en imaxes

Aquí deixo unha pequena selección de imaxes que dan unha lixeira idea da nosa experiencia en Down Under.
Vista de Hobart dende o Mt. Wellington, 1270m. Tasmania
Dove Lake, Cradle Mt. Tasmania.
Churrascada de Noiteboa con carne de canguro. Richmond, Tasmania
Twelve Apostles, Great Ocean Road
Holls Gap, The Grampians
Sendeirismo, The Grampians

Kangaroo Island
Que clase ten!


Harbour Bridge
Cantas destas tomaríamos en Fraser Island?
Ruina do Maheno, co grupo de xente que compartimos a viaxe. Fraser Island
Que sería de nós sen Adrián? Levamos a toalla por riba para que non nos mataran os mosquitos. Comer, xa nos tiña comido. Fraser Island
Un fin de ano distinto

Great Ocean Road. Un monumento ós caídos nas grandes guerras mundiais.

The Grampians

Great Ocean Road
Gibson Steeps. Great Ocean Road
Aquí aprendimos que en Australia se pides perdón, danche as grazas. Outway Fly, The Grampians. Vandalismo prehistórico.
Melbourne
Melbourne

viernes, 8 de enero de 2010

Entre catro apertas

Agardaba impaciente. Oín pasar un taxi, tiñan que ser eles. Fundinme nunha aperta intensa con cada un e escapei mentalmente da lóxica da mazá da relatividade. Despois de varios meses de espera, os soños non eran tal. Alí estaban en Sydney e abofé que eran eles, traían a choiva. “Que negro estás” foron as súas verbas de benvida.

Pestanexei, pechei os ollos. Volvinos abrir. Era hoxe.

Case tres semanas máis tarde a porta 87 de Darlington Road volveu presenciar unha escea idéntica. Desta vez en modo “rewind”. Outras catro apertas para devolverme ó mundo de Newton. Volta á paciencia.

No medio, un plan axustado e un tempo escaso pero sen final. Foi unha viaxe para toda a vida.

Estas son algunhas imaxes para resumir este “time of our life”. Mañá máis.

Ollo ó que ía cociñar Adrián...Atentos á foto.

Remarkable Rocks, Kangaroo IslandLake McKenzie, Fraser Island

Eastern Beach, Fraser Island

lunes, 21 de diciembre de 2009

Nadal á reviravolta

Verán, viaxe e mellor compañía. Nadal á reviravolta. Mañá comeza.

Aquí vai o link ó blog de Juan para ver o plan de viaxe que trazamos. O plan está na segunda entrada trala tradución do blog de Antón das súas primeiras impresións de Sydney.

http://juanzinho86.blogspot.com/

Felices Festas!