Case catro meses de vacacións académicas prometeron ser longos. Mais o tempo é adoito voluble, mol, relativo no seu significado e coido que esvaradizo pola pedra dos bos momentos. Pasaron. E volveu o semester. Week 1.
Por segunda vez, aínda que desta volta dun xeito moi distinto, comezou o trasfego de clases, papeis, tarxetas, libros, apuntes…Agora non hai que preocuparse de buscar un piso, ou de saber onde quedan as cousas, como e onde imprimir, xa entendo do que falan na clases, etc. Pola contra, ás obrigacións académicas hai que engadir as amplas vontades deportivas e a dignificación por medio do traballo.
Esta primeira semana serviu para afina-la percepción da universidade. Para ser breve diría simplemente que dá xenio ver como traballan, a organización que teñen, a calidade do profesorado, a estandarización de cargas de traballo por materia, etc. Aparte do material co que traballan. Refírome por exemplo ós programas informáticos que se manexan nas materias que vou facer. Non son outros que aqueles que están a utilizar actualmente os profesionais do sector audiovisual, por exemplo InDesign e Final Cut Pro.
Ben é certo que non só de libros vive o estudante. A música tamén alimenta o espirito. Unha das grandes vantaxes de vivir nunha cidade como Sydney é a infinita oferta cultural. É tan ampla que hai ata unha revista popular na cidade, Time Out Sydney, que se adica tan só a informar sobre o ocio en Sydney.
Franz Ferdinand chegaba a Sydney prometendo que a súa presenza non provocaría o estalido dunha nova guerra mundial. O grupo escocés actou no Luna Park, parque de atraccións de North Sydney, diante dunhas dúas mil persoas. A primeira fila da platea ofreceunos un lugar privilexiado acompañado da lista coas cancións xusto embaixo de nós. Os toques “improvisados" de percusión e electro para deleite o persoal déronlle o toque de gracia a un bo concerto.
O deleite rematou axiña. Seica o bo debe ser breve, non sei eu…Co espirito enchido deixeime escorrer no asento do tren e fixen transbordo ó coche de San Fernando. De camiño a casa descubrín un dos maiores misterios de Sydney. A xente marcha do supermercado co carrito. Isto tradúcese nun cemiterio de carritos espallados polas rúas. Pero así como están un día desaparecen ó seguinte. Que pasa con eles? Hai unha mafia detrás da recollida de carritos? Lévaos a xente de volta ó supermercado? Aí tiña a resposta diante dos meus ollos.
Este camión, da empresa do grande supermercado do central comercial, encárgase desta curiosa tarefa.
Tras unha semana de madrugóns, estrés, clases, duros adestramentos, concertos e carritos, a fin de semana non quixo agardar. Seica había que aproveita-lo tempo. Comezou ben cedo. A diana soou as 4.30. A bicicleta agardaba xa preparada na porta da casa para facer 30 quilómetros de tobogáns ata Manly xunto a Jose e David.
As dúas rodas eran a única forma de chegar ó noso destino a tempo, unha carreira de 10km. Non había outra. A saída era ás 7 da mañá, polo que non había xeito de chegar alí utilizando o transporte público (agás facer dúas horas de bus saíndo ás 4 da mañá da casa). Todo o cansazo acumulado da semana engadido a unha mala noite previa endureciu a carreira que rematou nun bo flato. Tras un rápido avituallamento pos-carreira puxémonos en marcha. Volta a casa cruzando o mítico Harbour Bridge, pequeno nado de media hora para relaxar, comida rápida e veña para o Spar.
As úlitmas semanas estou facendo os turnos despois de rebenta-lo corpo con gusto nos labores triatléticos. Cinco longas horas de pé, de traballo non-stop, de dores de lombo, de pernas que tremen e de sorrisos forzados e corpo retorcido con beizos amables desexando bos-días en modo robot. Pero que bo tempo vai en Sydney! E din que chove…
Tu finiras par te casser la gueule si tu continues à filmer assis sur le vélo...
ResponderEliminarFzFrdnd is spectacular, mate... how envy I am!
ResponderEliminarNo t'olvides de subir un "carrito" de otros videos del conciertazo al youtube dsps, please :D