jueves, 8 de abril de 2010
Great Barrier Reef
sábado, 20 de marzo de 2010
Marco Incomparable
- O sábado vou ir facer a travesía da Sydney Harbour Swim
- Onde? – díxome a miña amiga Teall, que é de Sydney -
- Alí, na baía, de par da Opera House
- Ti estás tolo! Como vas nadar alí? Hai tiburóns!
Se estou tolo non o sei. Se había tiburóns tampouco. Se pensei neles si. Se apareceron non.
Do mesmo se falara naquel debut olímpico do triatlón que tivera lugar nese recuncho da baía, Farm Cove. E como as meigas en Galicia, habelos hainos. De todos xeitos eu tiña unha técnica preparada. Como con calquera animal, colleríao polo rabo e xa está. Ou non?
http://www.smh.com.au/national/bondi-shark-attack-second-strike-in-two-days-20090212-85zf.html
http://www.digitaljournal.com/article/264137
http://forum.prisonplanet.com/index.php?topic=85472.0
http://www.abc.net.au/news/stories/2010/02/11/2817019.htm?site=sydney
http://www.abc.net.au/news/video/2010/02/13/2818878.htm?site=tropic
A seguridade na auga é un tema moi serio para os australianos. Antes de comeza-la proba, o director da mesma, explicou que todo estaba baixo control cun humor australiano ben marcado. En todo caso, dicía el, de veren ós vixilantes en grandes táboas cos pés encol delas saberían de inmediato que tiñan algún problema (véxase tiburón).
Xa na auga, e malia te-los ollos afectados polo esforzo, puiden albiscar en cada respiración os Botanic Garden ou o skyline de Sydney rebordando rañaceos. Os tiburóns tornaron ser unha sorte de Santa Compaña. Nadaba rápido mais co tempo perdín a concentración. A competitvidade esvaceuse e adiqueime a gozar dunha experiencia única.
Depois da última boia, á volta, a Opera House apareceu en fronte de min. Saín da auga cunha satisfacción digna da mellor vitoria (só fun 8º, aínda que 1º en 20-24 anos).
Detrás de min quedou Farm Cove. Da auga saquei comigo o especial do momento. Sentinme profundamente afortunado ó darme conta de onde estaba realmente. Lembreime dos que terman ó lonxe das miñas costas coa súa man invisible e dinlle-las grazas por todo.

martes, 9 de marzo de 2010
Week 1: Concerto, carritos e carreira
Case catro meses de vacacións académicas prometeron ser longos. Mais o tempo é adoito voluble, mol, relativo no seu significado e coido que esvaradizo pola pedra dos bos momentos. Pasaron. E volveu o semester. Week 1.
Por segunda vez, aínda que desta volta dun xeito moi distinto, comezou o trasfego de clases, papeis, tarxetas, libros, apuntes…Agora non hai que preocuparse de buscar un piso, ou de saber onde quedan as cousas, como e onde imprimir, xa entendo do que falan na clases, etc. Pola contra, ás obrigacións académicas hai que engadir as amplas vontades deportivas e a dignificación por medio do traballo.
Esta primeira semana serviu para afina-la percepción da universidade. Para ser breve diría simplemente que dá xenio ver como traballan, a organización que teñen, a calidade do profesorado, a estandarización de cargas de traballo por materia, etc. Aparte do material co que traballan. Refírome por exemplo ós programas informáticos que se manexan nas materias que vou facer. Non son outros que aqueles que están a utilizar actualmente os profesionais do sector audiovisual, por exemplo InDesign e Final Cut Pro.
Ben é certo que non só de libros vive o estudante. A música tamén alimenta o espirito. Unha das grandes vantaxes de vivir nunha cidade como Sydney é a infinita oferta cultural. É tan ampla que hai ata unha revista popular na cidade, Time Out Sydney, que se adica tan só a informar sobre o ocio en Sydney.

Franz Ferdinand chegaba a Sydney prometendo que a súa presenza non provocaría o estalido dunha nova guerra mundial. O grupo escocés actou no Luna Park, parque de atraccións de North Sydney, diante dunhas dúas mil persoas. A primeira fila da platea ofreceunos un lugar privilexiado acompañado da lista coas cancións xusto embaixo de nós. Os toques “improvisados" de percusión e electro para deleite o persoal déronlle o toque de gracia a un bo concerto.
O deleite rematou axiña. Seica o bo debe ser breve, non sei eu…Co espirito enchido deixeime escorrer no asento do tren e fixen transbordo ó coche de San Fernando. De camiño a casa descubrín un dos maiores misterios de Sydney. A xente marcha do supermercado co carrito. Isto tradúcese nun cemiterio de carritos espallados polas rúas. Pero así como están un día desaparecen ó seguinte. Que pasa con eles? Hai unha mafia detrás da recollida de carritos? Lévaos a xente de volta ó supermercado? Aí tiña a resposta diante dos meus ollos.
Este camión, da empresa do grande supermercado do central comercial, encárgase desta curiosa tarefa.
Tras unha semana de madrugóns, estrés, clases, duros adestramentos, concertos e carritos, a fin de semana non quixo agardar. Seica había que aproveita-lo tempo. Comezou ben cedo. A diana soou as 4.30. A bicicleta agardaba xa preparada na porta da casa para facer 30 quilómetros de tobogáns ata Manly xunto a Jose e David.
As dúas rodas eran a única forma de chegar ó noso destino a tempo, unha carreira de 10km. Non había outra. A saída era ás 7 da mañá, polo que non había xeito de chegar alí utilizando o transporte público (agás facer dúas horas de bus saíndo ás 4 da mañá da casa). Todo o cansazo acumulado da semana engadido a unha mala noite previa endureciu a carreira que rematou nun bo flato. Tras un rápido avituallamento pos-carreira puxémonos en marcha. Volta a casa cruzando o mítico Harbour Bridge, pequeno nado de media hora para relaxar, comida rápida e veña para o Spar.
As úlitmas semanas estou facendo os turnos despois de rebenta-lo corpo con gusto nos labores triatléticos. Cinco longas horas de pé, de traballo non-stop, de dores de lombo, de pernas que tremen e de sorrisos forzados e corpo retorcido con beizos amables desexando bos-días en modo robot. Pero que bo tempo vai en Sydney! E din que chove…
lunes, 1 de marzo de 2010
Mardi Gras
Gays, lesbianas, transexuais e bisexuais. Policías, bombeiros, un dobre do presidente de Australia (Kevin Rudd), militares, avogados, estudantes de insituto, galeses, canadenses, escoceses, socorristas, anciáns, plátanos, preservativos, homes-banana “slip it on” (pono) con preservativo, sodomasoquistas azoutándose con fustas uns ós outros baixo o lema “o pracer e a dor son compatíbeis”, a alcadesa de Sydney (polo menos dá-las grazas polos 29 millóns de dólares que supón a festa a economía da cidade), indios, tailandeses, dobres de Fredy Mercury, unha comparsa de 150 George Michael, amantes do coiro, nenos, críticos co liberalista e consevador (¿?) líder da oposción Tony Abott lucindo unha camiseta “Abott loves the work choice” (A Abott gústalle a liberdade de elixi-lo traballo sen trabas [pero logo non acepta ós gays, nin que teñan dereitos]), representantes da secta raeliana nun camión morro por diante co seu símbolo mestura da esvástica e a estrela de David (¿?) apoiando o sexo libre e salvaxe do “Tiger” Woods mentres que no lateral e ben grande “Sex is good, God is not” (o sexo é bo, Deus non), casas de apoio legal para gays, parellas homosexuais simulando a súa voda, homosexuais holandeses “felizmente casados”, homes bicándose, asociación de gays católicos (¿?), xudeus gays, asociacións para o amor libre, mulleres magreando, xente de tódolos recunchos de Australia, extraterrestes, moito público, unha pancarta con George Bush preguntándose “What’s going on?” (De que vai isto?) xunto con outra declarando “I’m not gay” (non son gay), participantes intentando bicar ó público “straight” (heterosexual en inglés pero que tamén significa recto, sen reviravoltas), waterpolistas ensinando as cachas e palméandose uns ós outros, ximnastas, futbolistas, xogadores de rugby, xente homenaxeando a Don Dunstan (artífice da primeira legalización dos gais en Australia), un coche mostrando a historia do Mundo en version gay, Osama Bin Laden saíndo do seu escondite, zombies do partido laborista de New South Wales, xente nas terrazas das casas, bo tempo, bandeiras gays do arco da vella por doquier, chifros, camións, música gay (I will survive e outras), baile, piruetas, lúa chea…
http://www.smh.com.au/nsw/colour-and-joy-tinged-with-tears-20100227-pa3q.html?autostart=1
http://www.smh.com.au/photogallery/entertainment/sydneys-mardi-gras-parade/20100227-paaf.html
Moitos participaron máis neste desfile de Mardi Gras 2010 en Sydney. O colectivo homosexual reclamou como cada ano dende 1978 os seus dereitos cunha festa espectacular. Os 9000 participantes mostraron a súa alegría de vivir e a súa condición de persoais normais durante os dous quilómetros de desfile. Só piden algo moi simple: ter os mesmos dereitos cós demais.
Malia o que un pode pensar dun país como Australia, o poder reaccionario aínda conserva moitos enteiros por estas terras. Foi no ano 1975 cando por primeira vez un estado, South Australia (sempre o máis moderno e avanzado, capital Adelaide, primeira colonia de non convictos), legalizou a homosexualidade. Dende aquela os dereitos gays seguen coa roda do coche patinando na lameira. E como souben disto?
Fai un par de semanas, na piscina, cando acababa de saír da auga, un home de mediana idade, que tamén viña de remata-lo seu “swim”, preguntoume que tal me fora nadando. Aquí évos así, que tal estás esta mañá? Como durmiches onte á noite? fixeches un bo almorzo? Non fai falla ter confianza ou coñecer a persoa. Simplemente hai que ser agradable.
Con pícaras miradas comezou a falar comigo. Foi directo ó que lle interesaba. Preguntoume se ía participar na feira que se ía celebrar na fin de semana no parque onde está a piscina. Falaba do “Mardi Gras Fair day”, o apertivo do desfile. Alí estiveron representados aqueles que unha semana máis tarde desfilarían e algún que outro máis, aparte de música e comida.
A partir de aí comezamos unha interesante conversa de intercambio cultural sobre aborto, dereitos homosexuais e progreso. Por que falar do tempo se era bo? El axiña comezou a introducir uns “nós” en referencia á comunidade gay. Eu comentei o proceso e o debate mediático e popular que se deu en España para a aprobación do matrimonio homosexual, e compareino co balbordo que, seica, provocara a lei do divorcio no seu día. Intentei explicar o contexto histórico no que se producira. É dicir, nunha democracia aínda moi nova e nunha sociedade bastante conservadora onde a Igrexa aínda exerce a súa obesidade sobre a opinión pública. Tamén lle falei da nova lei do aborto, por aquela aínda en xestación e sen aprobación definitiva. No entanto, tiña a sensación de estar falando dun país moderno comparado co “feedback” sobre Australia que Daniel me ía ofrecendo.
Resumido dun xeito moi simple: resulta que en Australia os homosexuais non poden casar. Non poden adoptar e tampouco poden doar esperma. Este último dato foi o que máis me chocou. Os gays non son homes? Ten algún mal o seu seme? Custoume crer todo iso, especialmente despois de vivir de par dun dos barrios máis homosexuais de cidade, Newtown. Cada día traballando alí no supermercado ten algo de Mardi Gras. Ademais, véselles integrados na sociedade. Non teño que ir moi lonxe para o exemplo máis próximo; os donos do supermercado, os meus xefes: unha parella gay.
Toda esta información contraditoria para a miña percepción persoal fixo que por un momento, despois de varios meses aquí, pensara que viñera dun país avanzado cara un do terceiro mundo, ó contrario do que sigo pensando. E máis aínda despois das continuas malas sensacións que me chegan dende as antípodas australianas.
Agora, logo de vivir e engadi-lo Mardi Gras á miña experiencia aussie, aínda che me custa máis comprender como esta boa xente pode vivir deste xeito, desprovista de dereitos tan básicos nun país tan avanzado coma é Australia. Un país que ofrece unha calidade de vida tan alta non pode permitirse o luxo, na miña opinión, de marxinar a uns poucos, ou non tan poucos (había que ve-lo desfile!). Non podo entender como estes milleiros de persoas que desfilaron, máis a grande aceptación popular que un pode sentir no día a día, continúen nesta situación.
A conversa con Daniel continuou namentres eu me cambiaba na beira da piscina e logo de camiño á porta do vestiario para el. Para despedirse, presentouse.
- Son Daniel, encantado de coñecerte
- Eu Alberto, igualmente
- Por certo, –respirou e deixou brillar os seus ollos lascivos cravados en min - tes un “gorgeous body”.
miércoles, 17 de febrero de 2010
O correcto e/ou o incorrecto
Ameazaba choiva. Fora un día tristeiro, gris e mediocre, do que nin sequera podo lembrar algo interesante. A noite achegábase e o ceo agardaba quedo e impasible, cal estatua de pedra. Descansaba sobre nubes escuras e imigrantes, que pretendían ficar en Sydney malia a forza do vento. Coa mochila xa ó lombo saín da casa. Montei na bicicleta e dirixinme ó supermercado.
O gris do ceo conxuraba co gris da rutina para facer aborrecer aquel momento. Xa podía verme subindo a costa de volta a casa coa mochila cargada. Xa me vía sudando despois de ter dado aquela ducha refrescante, xa me vía ordeando as compras, e sobre todo xa me sentía odiando a repetición do tedio do cotiá.
Baixei pola beiravía de Victoria Park gozando do aire fresco na miña faciana. Sorteei peóns. Deixeime ir. Agradecínlle ós santos aqueles que, disque, axudan costa abaixo. De súpeto atisbei algo estraño. Un mate (amigo, colega) estaba tirado na herba nunha posición un tanto enrevesada. As pernas colgábanlle dun muro cativo duns 50 centrímetros que estrema o parque coa beiravía. Reducín ata parar. Non había ninguén por alí. Achegueime
- Oe! Escoitasme? Estás ben? – berreille
Non me respondía. Estaba sucio, porco ou incluso diría que daba noxo. Vestía roupa de traballo. Levaba unha camiseta laranxa reflectante cuns pantalóns vaqueiros que semellaba que se non lavaran dende a época do gold rush (febre do ouro). Intenteino de novo, subín o ton de voz. Berrei de verdade. Dúas persoas que pasaban por alí miraron para min. Díxenlles que non o rapaz non respondía e elas, despois do “pit-stop”, seguiron a marcha despreocupadas. O mate respiraba pero estaba totalmente inconsciente. Por terceira vez probei a chamar por el, sacudino e dixen mate cantas veces puiden.
“Que fago logo? Terei que chamar unha ambulancia…ou que?”, trataba de verlle unha solución. Máis xente pasou. Algúns nin tan sequera se molestaron en mirar. Quen lle pasaba a aquel rapaz? Non sei se precisaba unha ambulancia pero, que facer se non? Todo indicaba unha forte borracheira ou similar, véxase drogas. ¿Ata que que punto de grave? Decidín chamar unha ambulancia.
Dende o outro lado do fío telefónico comezou o interrogatorio. Respira? Está consciente? E logo, idade, raza, complexión física, altura, relación personal con el, tempo que levaba con el, etc. Todo para chegar a unha simple pregunta.
- Cres que precisa dunha ambulancia?
Non quería ser alarmista, non quería chamar unha ambulancia sen necesidade, pero tampouco quería deixar tirado aquel rapaz. Podería ser que realmente precisase de axuda médica. Se polo menos vise como espertaba e movía os ollos sabería algo. Respondín “non sei” á pregunta. A operadora de urxencias repetiu a cuestión con contundencia. Eu seguía sen saber que dicir. Á terceira vez, a operadora resolveu.
- Mando agora para aí unha patrulla de policía – dixo con firmeza – xa verán eles que facer.
Non entendín moi ben que faría unha patrulla de policía nesta situación. Agardei alí. Uniuseme na espera outro rapaz. Vimos como o mate tendido no chan se movía por primeira vez. Expirei dos meus pulmóns tranquilidade por el e anguria por min. Tiña que ter chamado ás emerxencias?
Nin cinco minutos despois da chamada sentín as sirenas. Vin vir tres coches de policía a toda velociade abríndose paso na concurrida City Road. Un non levaba posta a sirena. Crin que simplemente este sería o que parase. Detivéronse os tres coches e os policías saltaron dos vehículos a fume de carozo. Eran sete policías en total que semellaban posuídos pola adrenalina da actuación. Non podía dar creto ó que vía e sentinme mal, quizais sacara as cousas un pouco de quicio. Pero logo tamén, por que sete policías? Creo que só é un tipiño borracho…
Axiña se organizaron. Case non miraron para min. Un tomou o mando. Entre tres moveron o mate mentres el abría os ollos e continuaba o seu pesadelo. Comecei a pensar que non estaba tan mal como parecía. Unha policía preguntoume que pasara. Conteillo e pedinlle perdón por telos chamado, igual non era necesario. Deseguido puxo unha man sobre o meu ombreiro.
- Fixéche-lo que había que facer, it’s alright.
Repetiuno de novo mais eu comezaba a ver o negativo da miña suposta axuda. Escoitei como o policía interrogaba ó rapaz, preguntaba se tomara drogas ou alcol. El seguía noutro planeta. Pensei nos problemas nos que podía acabar de metelo. A saber que acontecía na súa vida, o que o levara ata aquela lastimeira situación ou quen era eu para meterme na súa vida. Por outra banda temía unha mala reacción, tiña medo de se-la vítima dos seus problemas. Non me percataba de que el non tiña nin a menor idea de quen avisara da urxencia, e coido que nin sequera sabía o que estaba a suceder. Na miña cachola o anxiño e o demo batíanse para dirimir o branco ou negro, o correcto e o incorrecto, que nunca existen nunha decisión. A utópica verdade absoluta escapa sempre da razón, por iso neste caso buscaba acubillo nos sentimentos. Fixera ben ou fixera mal?
O rapaz tentou poñerse de pé e volverono sentar. Outro policía achegouse ata min para toma-los meus datos. De súpeto dous tronos puxeron música á escea. Comezou a chover forte. A auga espertou os recursos agresivos do mate. Dun brinco púxose en pé e tentou fuxir. O policía que estaba comigo deuse a volta como unha centella e botouse enriba del. Con el, os outros que o arrodeaban. Conseguiron, non sen dificultade, botalo ó chan e poñelo boca abaixo. Un deles deulle uns puñetazos na zona do fígado que se transformaron en calafríos correndo polo meu corpo. Treméronme as pernas. Conseguiron reducilo. Esposarono. Calmou.
O policía acabou de tomar os meus datos e díxome que podía ir. Collín a bicicleta outra vez e chamei polos santos. Coa súa axuda deixeime ir de novo pola rúa abaixo, empapado, camiño do tedio cotiá.
domingo, 14 de febrero de 2010
Sydney Fishmarket

Despois de face-lo medio Ironman tocaba recuperar. Coidei que era a mellor ocasión para visitar o famoso Fishmarket de Sydney e darse un caprichiño.
Cheguei ben cedo, como amosan estes dous rapaces que aínda seguían a durmir ou durmila. A verdade, pensei que o Fishmarket sería máis grande, pero non tan bo. Aínda que eu sexa máis labrego ca mariñeiro, creo que non fai falla entender demasiado para cheira-la frescura do xénero que alí venden. Para o que lle guste o peixe ou para o que sexa de bo dente coma min é un lugar espectacular. Tanto para mercar como para degustar. Se un quere pode ir facer alí un bo almorzo a base de calquera peixe que se lle ocorra. Senón ir para o lunch tampouco é mala opción.
Os prezos son máis ca razoables dentro da carestía de Sydney. A variedade, dentro da miña ignorancia, é infinita. O único que botei en falta foi ver algunha quenlla. Levaba idea de ver unha. Para contrarrestar isto tiñan marisco de todo tipo.

Foi unha mágoa que non chegara a tempo á poxa que se fai nesta sala. Xa estaba todo o pescado vendido, nunca mellor dito. A parte interior do mercado dá ó porto. Chama a atención o ambiente mariñeiro que se cola no medio da cidade. Gaivotas e pelícanos recollen os restos.
Ó marchar recollín o capricho: un swordfish, un peixe espada. Este é un dos meus favoritos, e xa nin me lembraba de cando fora a última vez que o catara. Para completar a miña felicidade acompañeime para o camiño dun iogur dos de verdade, potenciado con amorodos e moras. Penso que non será a derradeira vez que vaia. Polo de agora xa me recomendaron un tal Red Snapper, que haberá que probar. Pena que non teña forno para cociñar.
Pola noite foi a entrega de caprichos. Este foi o modelo do capricho de ouro compartido con algúns amigos. Comer é vivir.
martes, 9 de febrero de 2010
Medio Ironman Geelong
O que vén a continuación é un relato dun deporte novo. Algo que descoñecía. Eu crin que ía facer triatlón ou tríatlon pero resulta que fixen triathlon. Ás veces, as traducións dunha lingua a outra comportan un cambio de significado no concepto, que deriva moitas veces nos coñecidos “false friend”. Semella que algo similar sucedeu co termo “triathlon”, nado na fala inglesa, cando alguén o traduciu ás nosas linguas. Non sei quen foi o que quitou o “h” e puxo o acento (que tentaron quitar sen éxito do galego, para poñer outro en “tríatlon”), pero coido que se equivocaron. En francés por exemplo gardarono e xa puiden ver a diferenza cando estiven alí.
Agora vexámo-las diferenzas en Geelong: era de noite ó chegar a boxes, xa tiña a bicicleta posta e preparada do día anterior alí, tiven que achegarme con David en taxi, había máis de 1000 cabras (bicis de contrarreloxo) na zona de transición, que era sobre herba, a carreira comezaba ás 7 da mañá, o neopreno estaba permitido cando a auga estaba xa a 22º, etc. Nunca practicara tal deporte.
A natación tamén foi bastante novidosa. En primeiro lugar o nivel medio foi moi baixo. Neste deporte o nadar pouco conta. Non tiven problema para desembarazarme do gran grupo. Nin un só golpe agás contra as medusas que se apuntaron ó segmento da auga. Vaia bichos! Da primeira á segunda boia, e última antes de dirixirse de volta á praia, apareceu o sol de súpeto en fronte de nós. Non vía nada. A oleaxe tampouco axudaba a situarse e a segunda boia parecía estar nun limbo triatlético. Nadaba sen moito sentido nin rumbo, parei un par de veces e mesmo quitei as gafas pero non averigüei nada. Os tres que viñan comigo daban a impresión de sufri-la mesma cegueira. Ó final, non había outra e conseguimos chegar á boia e voltar a terra.
Despois de 23min e 45 seg de natación tocaba face-la transición a outros ritmos e agobios moito menores dos habituais. Á saída de boxes agardaban tres voltas de 30km (aprox.) sobre a bicicleta. O percorrido era moi plano en liñas xerais. Saín tranquilo e fun buscando sensacións sobre acoples e pedais a medida que cabras sobre cabras íanme adiantando. É incrible como anda a xente aquí en bici. Nótase que é triathlon con “h”. Comía, bebía e controlaba o pulso. Pouco a pouco a cousa foi mellorando e o meu ritmo mallado de 47 minutos por volta en cada unha das tres foi dando o seu froito. Fun remontando posicións ata ver que eu tamén era unha desas cabras. Nos últimos 10km formouse algo así como un grupo que complicou o respeto ás normas do drafting, era imposible gardar os sete metros regulamentarios. As pernas ían pedindo tregua nestes últimos compases da bici. “Machiño, aínda che queda unha media maratón, así que tómao con calma”, pensaba.
Baixei a corer con boas sensacións relativas, despois de facer 2h21min sobre a bici (media de 39km/h). Eran tres voltas de sete quilómetros. Na primeira fun pasando xente e cría que aínda tiña gas para acelerar. Non ía nada mal, a un ritmo de 3’52”/km aprox, pero ó chegar ó km9, cando ía correndo para facer 1h22min, o motor comezou a petardear. A fraqueza coincidiu cunha subida. Tomei un xel máis bebín un pouco no avituallamento. Malvivín coas pernas doentes ata o km13 aproximadamente e logo comecei a sentirme un pouco mellor. A pena foi que isto non se vira reflectido no ritmo, que ía diminuíndo. O pulso tamén baixaba, signo inequívoco do desgaste metabólico (que diría Diego). Só pensaba xa en rematar namentres os quilómetros se alongaban coma chicles.
Ó final 1h29min para completa-la media maratón. En meta, 4h17min de auténtica satisfacción persoal. 53º na xeral e 7º do meu grupo. Souben sufrir ó final e o resultado en relación ó adestramento que levo feito é moi bo. Gustaríame ter dado conta do ritmo a pé, pero non se pode pedir moito máis despois dun mes de adestramento, logo de tres semanas de vacacións. Non se pode ter todo.
Ademais quedei moi contento por David. Debutou ó grande. Fixo 5h13min, regulando moi ben durante toda a carreira e sen chegar baleiro á meta. Isto é algo moi difícil para alguén que debuta. Foi conservador e intelixente. Seguiu ó pé da letra os consellos que lle puiden ofrecer. Rematou cómodo e disfrutou a tope a proba que era o obxectivo principal. Bravo David!
